Monday 06 de May de 2024

Deportistas con discapacidade compartirán as súas historias de vida coa veciñanza de Neda na “Biblioteca Humana” da Asociación SocioculturalASCM


A actividade levarase a cabo o 15 de setembro, ás 17:00 h, no Albergue

Deportistas con discapacidade converterán as súas historias de vida en libros abertos para a veciñanza de Neda, compartindo as súas experiencias e vivencias do día a día. Historias de superación coas que crear empatía, e visibilizar a súa realidade promovendo a integración e inclusión social.

Esas historias forman parte da “Biblioteca Humana” que impulsa a Asociación Sociocultural ASCM. Trátase dun proxecto de sensibilización e concienciación ao redor da discapacidade e do deporte, incluído na Iniciativa Xove e con financiamento da Xunta, que chegará a Neda co apoio do Concello.

Aberto a persoas de todas as idades, nenos/as e maiores, a actividade levarase a cabo o vindeiro venres 15 de setembro, de cinco a oito da tarde, no Albergue Municipal de Peregrinos, no paseo marítimo de Xuvia. Non require inscrición, e a entrada é libre.